
Desde a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova aproveitamos a data do 28 de maio, Día da Saúde das mulleres, para a facer visíbeis durante estes días as nosas demandas entre as mozas e mozos galegos, colocando mesas informativas e repartindo material criticando a falla de servizos sanitarios de calidade que atendan as problemáticas específicas das mulleres galegas. Así, a S. Xeral, Iria Aboi, expuxo que “malia que a saúde constitúe un dereito fundamental, as mozas seguimos a non ver reflectidas as nosas demandas nun sistema sanitario que considera aos homes como o seu eixo central.”
Desde a nosa organización consideramos que as políticas levadas a cabo polo Partido Popular no goberno da Xunta de Galiza contribúen á agravar esta situación, ao continuar sen ter en conta as necesidades sanitarias das mulleres galegas. Desde a chegada do PP á Xunta de Galiza, non ten impulsado nin unha soa iniciativa que supoña avanzos nas problemáticas xuvenís e pola contra adicase a desmantelar os Centros Quérote, de asesoramento afectivo-sexual da mocidade galega. Alén disto, desde Galiza Nova tamén consideramos que a Consellaría de Sanidade da Xunta de Galiza ten que poñer “sen máis demora, os medios e recursos necesarios para a interrupción voluntaria do embarazo en condicións dignas”, contemplados na nova Lei Estatal, “independentemente de que o PP votara en contra”, tal e como explicou a S. Xeral.
Nese sentido, desde Galiza Nova tamén criticamos ao goberno da Xunta porque “o PP afonda nas desigualdades tanto na prestación como no acceso á sanidade pública galega coa posta en marcha de proxectos de privatización do sistema sanitario e de destrución das áreas sanitarias públicas incidindo nas desigualdades territoriais existentes en Galiza e dilapidando os cartos de todas as galegas e galegos desmantelando o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, que consideramos a fórmula máis acaída para a xestión dos servizos sociais garantindo calidade e niveis suficientes de cobertura. Do mesmo xeito, denunciamos tamén
as recentes palabras do deputado do PP, Pedro Arias, por sexistas e intolerábeis, que veñen a retratar os prexuízos que aínda existen arredor das mulleres.