
Os dias 22 e 23 de maio o conxunto de mozas e mozos de Galiza Nova participamos desta Marcha ademais de contar cun stand proprio onde daremos a coñecer a nosa organización e traballo, ao conxunto de mulleres e homes de todo o planeta que participen desta mobilización. Se estás interesada ou interesdo en obter máis información sobre a historia da propria Marcha, organizacións que a compoñen, non dubides en vistirar o sitio web da Marcha Mundial das Mulleres na Galiza.
"As mozas galegas pola igualdade. Diferentes si, desiguais non..
No mundo, dúas terceiras partes da poboación viven en condicións de pobreza, representando as mulleres e crianzas o 70% do total, froito dun modelo de desenvolvimento neoliberal que perpetúa as desigualdades e que ten na discriminación das mulleres un dos piares que o sustenta. Perpetúase un sistema inxusto que provoca que un grande número de mulleres vivan privadas de direitos fundamentais como son o de estudar, ter unha profisión, elexer modo de vida, liberdade sexual, herdar, e un longo etcétecera que dan conta da situación desigualdade das mulleres polo simples feito de selo.
As mozas que integramos a Asemblea de Mulleres denunciamos esta situación, conscientes de que as condicións de vida e direitos das mulleres son diferentes no mundo, mais teñen en común un rol secundarizado e discriminatorio na sociedade.
Na Galiza, á discriminación que padecemos como mulleres debemos sumar a discriminación que padecemos como galegas. A nosa nación non ten recoñecido o dereito á decidir o seu futuro, é dicir, o direito á soberanía nacional. Esta carencia provoca que non desenvolvamos a nosas potencialidades en todos os ámbitos (culturais, tecnolóxicos, económicos...) con prexuizos para o desenvolvimento e benestar do noso pobo e, consecuentemente, das galegas, sempre o eslabón máis débil e que padece en maior medida as consecuencias negativas.
Para nós, mozas galegas, ten enorme importancia o proceso que se está a producir a nível europeo. Reclamamos o direito da nosa nación a ter voz e voto en todos os organismos onde se tomen decisións que afecten ao noso futuro. Apostamos ademáis por construir unha Europa onde se garanticen os dereitos colectivos e individuias. Unha Europa plural, onde teña cabida a diversidade de nacisns e povos do continente, unha Europa social, onde se garanticen o direito a ter un emprego digno, o acceso a unha vivenda, servizos sociais públicos, liberdade de expresión, igualdade de oportunidades entre mulleres e homes...
Non compartimos o modelo da Europa dos Estados, que mantén unha configuración antidemocrática, e que ten na consolidación do modelo neoliberal o seu principal obxectivo.
A Asemblea de Mulleres de Galiza Nova denuncia que no noso País, a pesar dos avances producidos nas últimas décadas, as galegas seguen padecendo prexuizos e discriminacións:
A situación das mulleres galegas no mercado de traballo representaba, até datas recentes, diferencias sustanciais a respeito das españolas. A adicación as tarefas agrícolas e de actividades relacionadas coa pesca configurou un mercado de traballo diferente, traducindose en que as taxas de actividade e ocupación eran mais altas. Mais as políticas de reestructuración e continuos recurtes dos nosos sectores productivos básicos –froito de decisións tomadas no ámbito eurpeo-, levaron a destrucción de postos de traballo e a unha ralentización da incorporación das mulleres ao mundo laboral. Así se no pasado a taxa de actividade das galegas era moi superior á estatal na actualidade as diferencias son insignificantes.
Se tomamos como referencia o período de 1989 a 2003, o total de mulleres empregadas medrou no estado en 2,470,900 millóns, mentres na Galiza só o fixo en 41.600 (o 1,7% da media estatal), cunha baixada de 13.000 mozas ocupadas.
As galegas padecemos taxas de paro elevadas (que chegan a case o 40% entre as mozas) e accedemos a un emprego caracterizado porque a precariedade, temporalidade, discriminación salarial e economia sumerxida afectan en maior medida ao xénero femenino.
Os cambios operados na esfera pública, froito da incorporación das mulleres ao traballo remunerado, non levaron aparellados un cambio no ámbito do privado, é dicer, os homes mantiveron intacto o seu rol dentro do denominado ámbito doméstico. Así son as mulleres quen seguen realizando maioritariamente as tarefas do fogar (con escasos ou nulos avances na corresponsabilización dos varóns nas mesmas) e do coidado de persoas maiores e crianzas, aforrando miles de millóns en gasto público e sen recibiren compensación algunha.
A violencia que se exerce contra as mulleres polo simples feito de selo é a evidéncia máis sangrante (e dramática) de que a igualdade recollida nos textos legais está lonxe de ser realidade social, rexistrandose nos últimos anos unha escala que todos os anos se cobra víctimas mortais. Os avances que a nivel legal se teñen dado non son suficientes para diminuir a incidencia desta, sendo necesario actuar incisivamente na prevención da mesma.
A discriminación das mulleres é unha realidade, desde a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova partimos de que debemos ser nós mesmas as protagonistas desta loita. Entendemos o feminismo como o pensamento e práctica que se fundamenta na defensa da igualdade de direitos e oportunidades para as mulleres, e polo tanto, un ben necesario para toda a sociedade, promovendo a participación das mulleres a todos os níveis e a autoorganización das mulleres.
Marchemos por unha Europa dos Pobos, Marchemos pola igualdade!