
"A Dirección xeral de Xuventude obstaculiza a organización do evento ao non permitir o uso dun albergue, como nas edicións anteriores”. A secretaria xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, presentou esta mañá as XI Xornadas do Reino de Galiza, que pretenden recuperar e dar a coñecer a historia medieval do noso País, cun programa diversificado con actividades lúdicas e formativas destinadas á mocidade. Estas xornadas celebraranse do 18 ao 20 de decembro na Mariña lucense.
Iria Aboi explicou que os asistentes, que parten en autocar dende Compostela, participarán en roteiros e visitas guiadas a aqueles lugares onde se desenvolveron acontecementos que marcaron a historia de Galiza, para que a mocidade poida coñecer que durante a Idade Media o noso País gozaba de poder político, desenvolvemento económico e lingua de prestixio. “Estas xornadas queren rescatar o noso pasado da manipulación e do silencio”, destacou a secretaria xeral de Galiza Nova.
“Estas actividades celébranse nestas datas porque coincide coa data na que morreu asasinado o Marechal Pedro Pardo de Cela, o 17 de decembro de 1483, logo do asedio do castelo da Frouxeira, feito que supuxo a fin da resistencia da nobreza galega fronte aos Reis Católicos, que subordinaron Galiza ao poder centralizador de Castela para entrar na órbita da dependencia política e da marxinación”, explicou Aboi. Neste sentido, afirmou que non é casualidade que as mozas e mozos galegos descoñezan os acontecimentos da Idade Media Galega ou que dende as universidades galegas non se promovan investigacións serias e rigorosas sobre este período da historia de Galiza.
A secretaria xeral de Galiza Nova dixo que fronte á colaboración dos concellos, como o de Ribadeo e de Mondoñedo, contrasta “o desinterese da Dirección xeral de Xuventude que impediu o uso do albergue de Area, como en edicións anteriores, para a acollida dos participantes, o que demostra que lle molesta que a mocidade poida coñecer a historia de Galiza e por iso obstaculiza a súa organización”. Nesta edición, durmirase no pavillón de Ribadeo e no colexio Antonio Pedrosa Latas de Viveiro.
No programa de actividades destaca a charla impartida polo historiador Xoán Ramón Fernández Pacios, a visita á praia das Catedrais, un partido de fútbol a prol da Selección galega, un roteiro polo casco histórico de Viveiro ou a festa-concerto. Ademais, realizarase o roteiro Pardo de Cela, con visita a Foz, A Frouxeira, Alfoz, Lourenzá e Mondoñedo. Pecharase o programa cun acto político no que intervirán o alcalde de Mondoñedo, Orlando González, o responsábel comarcal do BNG, Antonio Veiga, e Iria Aboi.
Os interesados e interesadas en participar poden inscribirse mediante o correo nacional@galizanova.org e consultar o programa completo na web da organización xuvenil do BNG www.galizanova.org.