
“A folga do ensino foi un éxito” así cualificaron a xornada de onte tanto a Secretaria Xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, como Anxo Louzao da CIG-ensino ou Fran Rei de Queremos Galego. Onte foi un día histórico no noso país, na defensa do ensino en galego. A folga tivo un seguimento dun 90% e a manifestación en Santiago de Compostela foi multitudinaria. Xa dende ben cedo os accesos á capital de Galiza estaban colapsados e a zona vella era un fervedoiro de manifestantes. Entre elas, entre eles moito estudantado chegado dende os diferentes puntos da Galiza que malia os impedimentos ou as presións das direccións acudiron á folga: Monterroso, O Morrazo, Lugo, A Mariña, A Montaña, Ourense, Allariz-A Limia, A Barbanza, A Coruña, Vigo, A Costa da Morte, Pontevedra, Ferrolterra ou o Salnés. Máis de 60.000 persoas percorreron as rúas de Compostela e ateigaron a Praza do Obradoiro berrando “na Galiza, en Galego”, “nas aulas da Galiza queremos galego” ou “aquí está aquí se ve a mocidade galega en pé”. As mozas e mozos que abarrotaron a comitiva de Galiza Nova foron unha das comitivas máis vistosas da manifestación como podedes ver nas fotos. Alén diso en moitos lugares Galiza Nova impulsou concentración que foron un éxito: Vilalba, Xinzo, Verín ou o Carballiño foron algúns deles. Onte foi un clamor social masivo o que pediu a retirada do Decreto do PP, agora só queda que recúen ou terannos na rúa de novo!!
Se queres enviar a túa foto faino a nacional@galizanova.org