Benvidos á paxina web de Galiza Nova

O Consello da Xuventude de Galiza aproba unha resolución de Galiza Nova contra o decretazo do galego do PP

Nova: O Consello da Xuventude de Galiza aproba unha resolución de Galiza Nova contra o decretazo do galego do PP
24/01/2010

O Consello da Xuventude de Galiza aproba unha resolución de Galiza Nova contra o decretazo do galego do PP

A Asemblea do Consello da Xuventude de Galiza, celebrada hoxe en Compostela, aprobou unha proposta de urxencia de Galiza Nova contra o decretazo do PP contra o galego . Iria Aboi, secretaria xeral de Galiza Nova, valora como “moi positivo que o CXG se sume ao conxunto de institucións galegas que se teñen posicionado en contra do Borrador de decreto do PP”. “Agardamos –subliña- que con esta resolución o PP paralice este borrador e escoite os milleiros de mozos e mozas que se mobilizaron o pasado xoves co único obxectivo de que non se lexisle en contra da lingua propia de Galiza. A resolución ten o seguinte contido:

 

“A asemblea Xeral do CXG súmase ao rexeitamento unánime expresado polas tres universidades galegas, a Real Academia da Lingua Galega, as centrais sindicais, os movementos de renovación pedagóxica, as ANPAS, as asociacións xuvenís e estudantis, as organizacións políticas e os colectivos sociais de todos tipo, contra o rascuño de Decretazo contra a lingua galega presentado polo Consello da Xunta con nocturnidade e aleibosía a véspera da noitevella de 2009. Esiximos o retorno aos consensos sociais e lingüísticos acadados co Plan de Xeral de Normalización Lingüística e o decreto 124/07. É evidente que a día de hoxe, a lingua galega se atopa nunha situación de desigualdade social e xurídica, cun descenso de falantes alarmante entre as xeracións máis novas e mesmo cunha porcentaxe moi elevada de rapazas e rapaces analfabetos funcionais na nosa lingua. Entendemos que a Xunta de Galiza, como institución encargada da protección e promoción da lingua galega non pode lexislar en contra da lingua propia de Galiza, cun decreto que reduce o número de horas impartidas en galego e que atenta contra dereitos tan elementais como son a aprendizaxe e a adquisición de competencias lingüísticas ao remate da etapa educativa na lingua propia por parte das mozas e mozos. As urnas non son un cheque en branco para lexislar en contra de dereitos básicos recollidos no Estatuto, na Lei de “Normalización e na Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias que o Estado Español asinou. O CXG entende, como institución encargada de velar polos dereitos da mocidade galega e como institución galega preocupada pola situación da nosa lingua, que o bosquexo de decreto apresentado pola Xunta non supón máis que un retroceso no proceso de normalización do galego. E súmase así, ás demandas expresadas polo pobo galego, a través da Plataforma Queremos Galego,que o pasado xoves ateigou exemplarmente as rúas de Compostela, para a súa retirada”.