
Antón Moreda, loitador incansábel do nacionalismo galego, faleceu no día de onte. O seu enterro terá lugar hoxe ás 16:00 horas no Tanatorio de San Cosme de Barreiros. A vida de Moreda quedará marcada pola súa mocidade na emigración en Bos Aires, onde entra en contacto cos núcleos nacionalistas articulados na Irmandade Galega. Nestes anos afondará nas súas conviccións nacionalistas da mán de Alonso Ríos, Luís Seoane e Suárez Picallo, participando posteriormente, no ano 1953, da fundación das Mocidades Galeguistas na Arxentina. Xa de volta na Galiza, arredor do ano 1960, entra a traballar como axente comercial da Editorial Galaxia, aproveitando isto para contactar con novos galeguistas organizados en torno a asociacións culturais como ‘O Galo’ ou ‘O Facho’ e co grupo ‘Brais Pinto’. Sendo abertamente contrario ás posicións políticas do chamado “Piñeirismo”, unha vez constituído o Consello da Mocidade, punto de arranque do nacionalismo contemporáneo, Moreda é electo Secretario Xeral e será pouco despois expulsado polo Grupo Galaxia. Antón Moreda foi unha figura clave no nacionalismo galego da segunda metade do século XX, que aínda estando nunha situación de delicada saúde nunca abandou o seu compromiso nacionalista, participando activamente das actividades para rescatar a nosa memoria histórica organizadas polos CAF ou da Arenga da Mocidade, precursora do Festigal, organizada por Galiza Nova. Dende a nosa organización queremos amosar o noso fondo pesar polo seu pasamento. Nunca te esqueceremos, compañeiro Antón.