
Este mércores 7 de abril a Plataforma Queremos Galego, da que Galiza Nova forma parte, convoca ás 16.15 unha concentración durante a reunión do Consello Escolar de Galiza (Rúa San Roque, 2 - a carón do Colexio La Salle). Nel someterase á consideración o anteproxecto do mal chamado decreto de plurilingüismo no ensino non universitario que condena a nosa lingua propia á súa progresiva desaparición e infrinxe gravemente o mandato estatutario de promover o galego como idioma propio do país e o principio de progresividade que sinala a Lei de Normalización, así como a Carta europea das linguas. Imos demostrar que este decreto conta co rexeitamento da Comunidade Educativa e co único apoio do PP. Non faltes!!!
O Consello Escolar de Galiza é o máximo órgano consultivo da comunidade educativa galega, onde están representados os seus diferentes axentes. Consultalo é legalmente preceptivo, aínda que a súa decisión non é vinculante. Previamente, o anteproxecto de decretazo pasou xa pola Mesa Sectorial, onde están representadas as organizacións sindicais do profesorado (co resultado de que CIG-Ensino, STEG, UGT e CCOO, que representan o 89% do corpo docente, abandonaron a reunión como protesta á falta de vontade negociadora da Consellaría). O paso final é o ditame do Consello Consultivo, antes de pasar o proxecto ao Consello da Xunta.