Benvidos á paxina web de Galiza Nova

O Consello Escolar de Galiza solicita a retirada do proxecto de Decreto de “Plurilingüismo”

Nova: O Consello Escolar de Galiza solicita a retirada do proxecto de Decreto de “Plurilingüismo”
09/04/2010

O pleno do Consello Escolar de Galiza, máximo órgano de participación da comunidade escolar, rexeitou o decreto contra o galego que se someteu onte a ditame e acordou pedir a súa retirada e, polo tanto, devolvelo á Consellaría. O Proxecto de Decreto para o Plurilingüismo no ensino non universitario de Galiza recibiu 24 votos en contra e só 16 a favor de mantelo. Cómpre salientar que deste 16, 6 eran de representantes da propia consellaría, 2 eran alcaldes do PP, 2 da Confederación de Empresarios, 2 titulares de centros privados e concertados, 2 de representantes de recoñecido prestixio nomeados directamente pola consellaría e 2 da CONGAPA (Pais e Nais de Ensino Privado e Concertado)

 

Coincidindo coa celebración da xuntanza do Consello Escolar de Galiza a plataforma cidadá Queremos Galego, da que Galiza Nova forma parte, tiña convocada unha concentración simbólica de urxencia ás portas da sede do organismo. Numerosas persoas de diferentes colectivos, entre eles Galiza Nova, a CIG, ou os Comités, permaneceron reclamando a retirada do proxecto e a demisión de Anxo Lourenzo, na entrada do edifico ata coñecer o resultado da votación.

 

A emoción foi evidente cando se fixo público o maioritario rexeitamento dos membros do Consello Escolar e á saída, os representantes dos colectivos que apoiaron a solicitude de retirada deste proxecto contra o galego foron recibidos con aplausos. Non así Anxo Lorenzo, que tivo que escoitar os apupos e as demandas de dimisión que berrabamos.

Ao remate da concentración fíxose un chamamento a participar na manifestación do 17 de maio, Día das Letras Galegas, a participar na recollida de sinaturas para a frustrada ILP e a sumarse aos actos que a plataforma cidadá vaia convocando para manifestar por toda Galiza o masivo rexeitamento que produce este ataque sen precedentes ao noso sinal de identidade máis preciado: o galego.