
Galiza Nova criticou a organización por parte da Consellaría de Economía e Industria, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) as Xornadas Israel-Galicia Cooperación e Transferencia de Coñecemento, celebradas o pasado mércores 14 de abril en Compostela. Así, a Secretaria Xeral cualificou de insulto que “o Goberno galego permita e ampare a celebración dunhas xornadas que teñen como única finalidade promover as supostas bondades do Estado Sionista de Israel e contribuír á entrada de capital financeiro Israelí en Galiza”, advertindo que se trata dunha “colaboración descarada para que as multinacionais israelís tiren proveito económico en Galiza e fortalezan así economicamente o Estado de Israel”. Así mesmo, desde a nosa organización denunciamos que a Xunta, con actividades coma esta, está a colaborar con aqueles que reprimen e masacran ao pobo Palestino, negándolle os seus lexítimos dereitos. Deste xeito, o PP retratase ideoloxicamente por colaborar cun Estado que viola impunemente a lexislación e as resolucións internacionais cometendo verdadeiros crimes de guerra. Desde Galiza Nova reiteramos a solidariedade do nacionalismo co pobo palestino e demandamos a inmediata rectificación da Xunta, pois, tal e como expresou a Secretaria Xeral, Iria Aboi, “o Estado de Israel non ten que vir a Galiza a dar leccións de cooperación nin de coñecemento. A Xunta debería instar ao goberno do Estado Español a suspender as relacións diplomáticas e económicas co Estado de Israel mentres non se poña fin á agresión militar, invasión e bloqueo que sofre o pobo palestino e que o impide decidir libremente sobre o seu futuro”. Descarga o texto da nota de prensa.