Benvidos á paxina web de Galiza Nova

Vén con Galiza Nova ás mobilizacións do 1º de Maio!

Nova: Vén con Galiza Nova ás mobilizacións do 1º de Maio!
28/04/2010

Galiza Nova acudirá con comitiva propia e distribuirá material diverso nas manifestacións convocadas pola CIG en diferentes puntos do país con motivo do 1º de Maio. Podes ver aquí as horas e lugares nas que se celebrarán as mobilizacións. A continuación reproducimos o texto da voandeira editada pola nosa organización, que podes descargar nos documentos adxuntos ao igual que o deseño do colante e o manifesto emitido pola CIG. Súmate a nós contra o paro e a precariedade! Loita por un traballo digno e na nosa terra!

 

CONTRA O PARO XUVENIL E A PRECARIEDADE,

TRABALLO DIGNO E NA TERRA!

 

Desde Galiza Nova, consideramos preocupante a situación laboral da mocidade en Galiza, caracterizada polas elevadas taxas de paro e precariedade laboral que se teñen elevado nos últimos meses a consecuencia da actual crise económica. Segundo a enquisa de poboación activa do terceiro trimestre do 2009, na Galiza temos unha taxa de paro do 43.7% entre a mocidade de 16 a 19 anos, que triplica a dos maiores de 25 anos. O que indica que é precisamente a mocidade o colectivo que primeiro, e con maior intensidade, padece os efectos da crise. A isto hai que sumarlle as condicións de precariedade daquelas mozas e mozos empregados (temporalidade, baixos salarios...) ou a daquelas/es que tiveron e teñen que emigrar cada ano para acceder a un posto de traballo fóra da nosa nación, Galiza.

 

Esta problemática estrutural, produto do actual sistema económico capitalista e da situación de dependencia que sofre Galiza, vese agravada no actual contexto de crise económica, cunhas consecuencias, que ademais de afectar ao conxunto da clase traballadora, están golpeando de xeito especialmente duro á mocidade: co incremento do paro, expedientes de

regulación de emprego (ERE), propostas por parte da patronal para a reforma laboral destinadas ao abaratamento do despido e perda de dereitos. Con esta situación o futuro para a mocidade galega é incerto non só dende o punto de vista individual senón colectivo.

 

Mentres, o Psoe no goberno do Estado, ameázanos cunha nova reforma laboral que propón ampliar dos 21 aos 24 anos os contratos de formación, condenando a milleiras de mozas e mozos a condicións de traballo de miseria, sen tan sequera garantías laborais, ao mesmo

tempo que propoñen potenciar o papel das ETT´s de xeito escandaloso, en detrimento dos servizos públicos de emprego. Do mesmo xeito o Psoe propón seguir coa política de bonificacións á contratación de xente nova, sen que se tiveran producido melloras no emprego xuvenil nos últimos anos e pola contra se tivesen despilfarrado millóns de cartos públicos.

Medidas que o único que perseguen é facer recaer as consecuencias da crise sobre as clases populares.Así mesmo, o Partido Popular na Xunta de Galiza, mira para outro lado e preocúpase

de maquillar os datos sen poñer en marcha nin unha soa medida a nivel laboral para a mocidade neste ano de goberno.

 

Desde Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, consideramos vital para Galiza e o futuro da xente nova, un cambio de rumbo nas actuais políticas sociais e económicas. Por iso aproveitamos todos os días do ano, pero especialmente o 1º de maio, día Internacional da clase traballadora, para reivindicar unhas condicións de traballo dignas ao igual que outras traballadoras

e traballadores en todo o mundo. Loitas que aquí na Galiza teñen nomes e apelidos: Tréves, Caramelo, Montoto, Metal, Alfageme,...e que son un exemplo de dignidade e compromiso para nós. Súmate a nós contra o paro xuvenil e a precariedade. Loita por un traballo digno e na Terra!.