
Galiza Nova participará o vindeiro domingo 6 de xuño da concentración convocada co gallo do Día do Medio Ambiente, ás 12 horas na Praza do Obradoiro (Compostela) por Adega, organización ecoloxista de referencia para a nosa organización. Na mesma daráse lectura ao Manifesto “O noso territorio, a nosa identidade”, ao que Galiza Nova vén de amosar o seu apoio. Desde a nosa organización consideramos que existe un importante deterioro ambiental do noso medio, a través de ataques irreversíbeis que contan co beneplácito do PP no goberno da Xunta de Galiza. A nova Lei do Solo e o Plan de Ordenación do Litoral (POL), que seguen a dar consentimento e amparo legal á especulación urbanística e privada nas nosas costas, os proxectos de construción de novos encoros e minicentrais sobre ríos como o Navia, o Eo ou o Sil, que amosan a política colonial que segue a asolagar a riqueza paisaxística e cultural das zonas afectadas así como a súa potencialidade económica impedindo o seu desenvolvemento agro-gandeiro, forestal ou turístico, a explotación das minas de andalucita existentes no Parque Natural das Fragas do Eume coa conseguinte destrución do mesmo, ou a suspensión do concurso eólico aprobado na anterior lexislatura son só algúns exemplos que deixan ver ás claras a falta de respeto que o goberno do PP ten pola riqueza natural e paisaxística da nosa nación. Desde Galiza Nova consideramos que a Xunta de Galiza debe amosar, dunha vez, vontade política clara de aprezo polo noso medio, mudando os seus proxectos e decisións. Por todo isto, seguirémonos mobilizando para esixir un desenvolvemento sustentábel da Galiza e o respeto polo noso medio natural e o medio de vida de milleiros de galegas e galegos. Porque só así é posíbel unha Galiza con futuro, súmate a nós na defensa da nosa Terra! Descarga a continuación a voandeira editada por Galiza Nova.