
A nosa organización estivo presente onte, 8 de xuño, nas manifestacións convocadas en diferentes puntos do país en apoio á folga no sector público convocada pola CIG ante os recortes laborais anunciados polo goberno do Estado. Desde Galiza Nova consideramos preocupante a situación laboral da mocidade no país e medidas como as adoptadas polo goberno de Zapatero veñen a contribuír a un maior agravamento desta, e son a antesala de maiores recortes nos dereitos das traballadoras e traballadores. Nesa liña o goberno do Estado, co aplauso da patronal, propón ampliar dos 21 aos 24 anos os contratos de formación, condenando a milleiras de mozas e mozos a condicións de traballo de miseria, sen tan sequera garantías laborais, ao mesmo tempo que propoñen potenciar o papel das ETT's de xeito escandaloso, en detrimento dos servizos públicos de emprego. Do mesmo xeito, o PSOE propón seguir coa política de bonificacións á contratación de xente nova, sen que se tiveran producido melloras no emprego xuvenil nos últimos anos e pola contra se desbaldiran millóns de cartos públicos. Con esta situación o futuro para a mocidade galega é incerto non só dende o punto de vista individual senón colectivo. Non é para menos, pois o Partido Popular na Xunta de Galiza, aplica as mesmas medidas de recortes impulsadas a nivel estatal, acompañándoas do desmantelamento dos servizos públicos como a sanidade, o ensino ou o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, dilapidando millóns de cartos públicos, e sen poñer en marcha nin unha soa medida a nivel laboral, en máis dun ano de goberno. Así, dende a nosa organización consideramos que é vital para Galiza e o futuro da xente nova, un cambio de rumbo nas actuais políticas sociais e económicas e a aposta por un modelo produtivo que xere riqueza e emprego a partir da potencialidade da base produtiva e industrial de Galiza. Por todo isto opómonos ás medidas de Axuste propostas polo goberno do Estado e ao proxecto de Reforma Laboral que vai en contra do conxunto das traballadoras e traballadores. Contra o paro xuvenil e a precariedade. Traballo digno e na Terra! Súmate a nós! A continuación podes descargar a voandeira editada por Galiza Nova.