
Na mañá de hoxe a Secretaria Xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, participou na sección de tertulia política do programa “Bos días”, que emite a TVG. No mesmo participaron tamén representantes das mocidades das restantes forzas políticas con representación no Parlamento Galego e neste caso o tema de debate foi a reforma laboral impulsada desde o goberno do PSOE. Acerca desta a Secretaria Xeral da nosa organización advertiu que “empeorará aínda máis a xa precaria situación laboral da mocidade porque vai provocar que se precarize aínda máis o emprego entre a xente moza.” Do mesmo xeito criticou o cinismo co que está a actuar o PP ante esta reforma, facendo un exercicio de “lavado de cara” non apoiando as propostas do PSOE ao estar máis preocupados polo custe político que lles poida traer pero sen deixar de aplicar no goberno da Xunta de Galiza medidas semellantes ás contempladas na reforma posto que, en palabras de Iria Aboi, “o Goberno do PSOE está a aplicar a reforma laboral e a política económica do Partido Popular” A Secretaria Xeral de Galiza Nova concluíu a súa intervención sinalando que esta reforma laboral “está feita á medida da patronal e non dos milleiros de persoas que se atopan en situación de desemprego ou nunhas condicións precarias, polo que desde a nosa organización rexeitámola totalmente e reafirmamos que apoiamos cun si rotundo a convocatoria dunha folga xeral.”