
Ante a conmemoración do día do Orgullo LGTB, desde Galiza Nova queremos, un ano máis, amosar o noso rexeitamento a toda discriminación cara a este colectivo, ao tempo que demandamos a posta en marcha de alternativas reais para superar os prexuizos que aínda perviven na nosa sociedade. Consideramos que queda aínda moito traballo por facer para chegarmos a unha situación de normalidade, xa que necesariamente as mudanzas lexislativas teñen que vir acompañadas de conscienciación e educación na diversidade e na tolerancia. Na nosa nación, desde a chegada do PP ao goberno da Xunta de Galiza, estamos a sufrir a aplicación da súa ideloxía conservadora da man de asociacións proabortistas, tentando impor a súa moral reaccionaria e intolerante, o que se evidencia no desmantelamento da rede de asesoramento afectivo-sexual que proporcionan os Centros Quérote e na falla de calquera tipo de avance na normalización da situación LGTB. Desde Galiza Nova queremos fuxir de concepcións frivolizadoras da celebración deste día, xa que consideramos que se segue a ser necesaria é porque o colectivo LGTB continúa a sufrir agresións de todo tipo, tanto no mundo coma no noso propio país, polo que se fai necesaria a reivindicación da normalización do colectivo LGTB e a súa visibilización social e pública. Neste sentido, desde Galiza Nova animámoste a que neste 28 de xuño participes dos actos que o colectivo LGTB organiza ao longo do país. Decarga xa a voandeira de Galiza Nova e súmate a nós ao berro de: o noso orgullo, a nosa loita!