
Galiza Nova lamenta o anuncio realizado onte pola conselleira de Benestar da Xunta de Galiza, Beatriz Mato, sobre a creazón dunha Rede unificada de centros xuvenís xa que detrás do mesmo só se agocha a intención de “desmantelar” os centros Quérote postos en marcha polo anterior goberno.
Lembremos que os centros Quérote foron unha iniciativa pioneira que situou a Galiza na vangarda das políticas sociais e non só tiñan unha grande demanda senón que ademais o seu labor, de prevención e de educación sexual-afectiva, axustábase por primeira vez ás recomendacións da Organización Mundial da Saúde nesta materia.
Máis unha vez o Partido Popular tomou unha decisión só por puro sectarismo, sen diálogo previo coas asociacións xuveíns nin cos concellos onde están ubicados os centros, e decidiu privar á mocidade dun servizo que, malia que Beatriz Mato falsee os dados, tiña demanda, case o 50 por cento das consultas eran presenciais e as restantes en visitas a centros de ensino; tiñan planificación e profesionalización e especialización dos programas que ofertaban.
Neste sentido, as oficinas de información xuvenil das que fala Beatriz Mato, que en teoría xa existen, eliminan esta compoñente de información e atención especializada e profesionalizada, que recomenda a OMS, cos perxuízos que vai supor para a xente nova que se achega a elas.
Porén, a decisión non nos colle moi de sorpresa toda vez que este goberno leva un ano dando pasos encamiñados a eliminar os Quérote, suprimindo os stands móbiles nos festivais de verán, pechando centros como o de Coruña, que só abre dúas mañás á semana, non publicitando a súa actividade, etc
O seu desmantelamento é tamén acorde coa política do PP en todo o que ten a ver coa sexualidade e coa Lei de Interrupción do Embarazo, onde fica claro que a prevención e a educación non entra dentro das súas prioridades, malia que se pode comprobar como no período 2005-2008, cando si se fomentaba esa prevención, Galiza foi das poucas comunidades nas que baixou o número de abortos, pasando de 2525 a 1.981.
Xa durante o goberno de Fraga o PP perseguira e pechara un centro anterior aos Quérote e agora Feijóo segue os seus pasos, unha decisión sobre a que o BNG rexistrará diferentes iniciativas parlamentares, a través das que tamén pedirá contas de que vai pasar coa disolución do Consorcio en relación cos centros pois está a xerar incerteza entre as e os traballadores.