
Esta mañá tivo lugar en Vigo a concentración en apoio a Galiza Nova trala denuncia da portavoz de Galicia Bilingüe, Gloria Lago, á nosa organización por repartir, ás portas do IES San Tomé de Vigo, un boletín crítico coa súa actitude contraria ao noso idioma. A concentración desenvolveuse antes do acto de conciliación nos xulgados de Vigo e a ela acudiron máis de medio cento de persoas, entre as que se atopaban o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, o portavoz da plataforma cidadá Queremos Galego, Fran Rei, ou os deputados do BNG Bieito Lobeira e Henrique Vieitez. Tal e como se agardaba, a conciliación das posturas non tivo lugar e Gloria Lago, quen nin sequera se persoou, mantivo a súa posición reclamándolle a Galiza Nova 30.000 euros en concepto de indemnización. A secretaria xeral de Galiza Nova, Iria Aboi interviu ao remate da concentración e defendeu que esta non é unha denuncia só contra Galiza Nova senón contra o galego e que responde ao afán de Gloria Lago por cortar de raíz o futuro da lingua atacando directamente á mocidade comprometida co idioma. Así mesmo, explicou que no mesmo acto de conciliación deuse máis unha mostra de que o galego non está nin moito menos normalizado, xa que a propia acta levantada foi redactada en castelán e Galiza Nova tivo que esixir unha copia no noso idioma. Por último, Iria Aboi, ratificou, máis unha vez, a disposición da nosa organización a non claudicar e seguir coa defensa do galego e da liberdade de expresión.
Nota enviada aos medios:
Esta mañá celebrouse nos Xulgados de Vigo o acto de conciliación pola demanda interposta pola presidenta de Galicia Bilingüe, Gloria Lago, contra Galiza Nova por un presunto delito contra a súa honra e polo que reclama unha indemnización de 30.000 euros á organización da mocidade nacionalista.
A secretaria xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, asegurou á saída do acto que “nos reafirmámonos nos feitos e non aceitamos os termos da demanda, que consideramos que é política porque persegue criminalizar a defensa da lingua galega que exerce Galiza Nova e outros colectivos”.
“Dende Galiza Nova -engadiu- cremos que Gloria Lago equivócase profundamente con esta demanda porque confunde o dereito á liberdade de expresión cun suposto delito contra a súa persoa”
Ademais, Iria Aboi criticou que “Gloria Lago non se presentara hoxe nos xulgados, evitando dar a cara, e mandase a un procurador e a un avogado para representala”.
A secretaria xeral de Galiza Nova asegurou que “agora vai depender de Gloria Lago que haxa xuízo ou non: se ela quere vai haber xuízo e Galiza Nova asistiremos sen ningún tipo de medo ou complexo pois estamos dispostos a dar a cara pola lingua galega en calquera tipo de circunstancia”. Os feitos remóntanse a comezos do curso escolar cando, ante as queixas de alumnos e profesores do IES San Tomé de Vigo, onde a presidenta de Galicia Bilingüe imparte docencia, pola súa manifesta hostilidade nas súas aulas cara a lingua galega, Galiza Nova decidiu repartir ás portas do centro de ensino un voceiro criticando a actitude da denunciante.
Concentración de apoio
Durante o acto de conciliación máis de medio centro de persoas concentráronse para apoiar a Galiza Nova ante as portas dos Xulgados de Vigo baixo o lema “Pola liberdade de expresión. Polo dereito a falarmos en galego" .
Entre os asistentes á concentración estaban o portavoz da plataforma Queremos Galego, Fran Rei; o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón; ou os deputados do BNG no Parlamento Galego, Bieito Lobeira e Henrique Viéitez.
“Discriminación do galego na Xustiza”
Por último, a secretaria xeral de Galiza Nova denunciou que non foi posíbel exercer o dereito a recibir no momento a copia da acta do acto de conciliación en galego porque o programa informática só estaba en español. “Isto é unha mostra máis de que a día de hoxe a lingua galega é a que está discriminada no noso país e que as teses de Galiza Bilingüe son totalmente falsas”, concluíu Iria Aboi.
A nova nos medios de comunicación:
Rolda de prensa: