
O pasado mércores 30 de xuño, Galiza Nova na comarca de Ferrolterra participou dun feche no Concello de Fene, convocado polo BNG. Coincidindo co remate da presidencia de Rodríguez Zapatero na UE, con este acto quixemos denunciar a falta de xestións por parte do goberno do Estado para negociar o levantamento do veto que impide a Navantia-Fene, antiga Astano, construír barcos civís ata o ano 2015. Da a casualidade de que neste ano 2010 cúmprense 25 anos da maior reconversión do sector naval na comarca de Ferrolterra, sen que neste tempo se teñan posto en marcha medidas políticas alternativas para evitar a crise económica na que isto sumiu á comarca. Unha vez máis o goberno do Estado incumpre o compromiso adquirido no Congreso dos Deputados de aproveitar a presidencia da UE para reabrir o expediente sancionador que provocou o veto a Astano. Non entanto, as responsabilidades esténdense tamén á Xunta de Galiza, xa que neste tempo o PP no goberno da Xunta non realizou ningunha xestión con vías a intermediar ou presionar ao goberno estatal para que prosperase a proposta de levantar o veto. Desde Galiza Nova estaremos sempre do lado do futuro da mocidade e de Ferrolterra, que pasa polo levantamento do veto á construción naval civil en Astano e a creación de emprego, posicionándonos, deste xeito, en contra do desmantelamento do sector naval que vén padecendo o noso país. Súmate a nós!