Benvidos á paxina web de Galiza Nova

Non ao peche dos Centros Quérote!

Nova: Non ao peche dos Centros Quérote!
06/07/2010

 

Na mañá de hoxe, a Secretaria Xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, compareceu en rolda de imprensa conxuntamente coa viceportavoz do BNG no Parlamento Galego, Ana Pontón, para amosar o rexeitamento da nosa organización ante a eliminación dos Centros Quérote por parte do PP na Xunta de Galiza. Iria Aboi asegurou que “é moi difícil entender os motivos polos que se eliminan os centros Quérote, que tiñan demostrado a súa utilidade, e só poden responder á política sectaria do goberno da Xunta de desmantelar todas as iniciativas positivas que fixo o anterior executivo, que neste caso, ademais, situaron a Galiza na vangarda das políticas xuvenís.”

 

Desde Galiza Nova consideramos que a alternativa de Oficinas de Información que propón a Conselleria de Benestar non é novidosa e, en palabras da Secretaria Xeral,  “dubidamos da súa operatividade xa que non se vai destinar máis personal e a contía do orzamento para este fin é moi reducida.” Así,  consideramos que coa eliminación dos Centros Quérote a Xunta só vén a misturar cuestións, presentando como novidosas as consultas no uso responsábel das novas tecnoloxías ou na conducción segura, mais prescindindo de persoal especializado e limitando o acceso a unha información de calidade e específica, que era o que se garantía co modelo dos Centros Quérote.

 

Asimesmo, lamentamos que a decisión da Xunta de Galiza fora tomada  de costas á mocidade, ao asociacionismo xuvenil, aos colectivos que poderíamos facer interesantes aportacións nesta materia e aos concellos que teñen ubicado un centro destas características. Tal e como denunciou Iria Aboi, “foi unha decisión unilateral coa que se agocha o desleixo deste Goberno con todo o que ten a ver coa mocidade. O PP con esta medida busca volver a anunciar unhas infraestructuras obsoletas creadas na epoca de Fraga para agochar a súa ineficacia despois dun ano de goberno”.  Do mesmo xeito, a Secretaria Xeral de Galiza Nova criticou tamén que coa chegada do PP á Xunta de Galiza “non hai políticas novas, propostas e iniciativas só hai unha Dirección Xeral dos recortes: recortes no Noitebús, recortes nas subvencións a asociacións, recortes nas actividades da D.X, eliminación dos centros Quérote e un Plan de Emprego do que tanto se falou e do que aínda non se sabe nada”.

 

A aplicación da Lei do Aborto: boicote desde a Xunta de Galiza

 

Tamén na mañá de hoxe Ana Pontón e Iria Aboi aproveitaron para denunciar o boicote que a Xunta de Galiza está a realizar na aplicación da Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e de Interrupción Voluntaria do embarazo, máis coñecida como Lei do Aborto, recentemente entrada en vigor, e lembraron que o goberno ten que ser neutral e garantir o desenvolvemento da Lei xa vixente.

 

Ana Pontón, lamentou a “hipocresía” do PP perante esta nova normativa e pediu que a Xunta non se agoche tras “disculpas” como o recurso ante o Tribunal Constitucional para adiar en Galiza o desenvolvemento da Lei. Neste sentido, lembrou a Núñez Feijóo que o papel da Xunta ten que ser o da neutralidade e o de acatar a lexislación vixente; polo que, en palabras da viceportavoz do BNG no Parlamento,  “agardamos que nos próximos días explique que está pasando na Consellería de Sanidade, pois aínda non nomeou o Comité Clínico, está a anunciar que non vai facilitar información ás mulleres... en definitiva, non está a facer os deberes para aplicar a lei, o que xa previamos, xerando unha situación de incerteza que ten que ser solucionada no menor espazo de tempo posíbel.”

 

Asimesmo, Ana Pontón advertiu que con esta actitude, a Xunta non só está sendo “insumisa ás leis” senón que ademais está a impedir ás mulleres exercer os seus dereitos e exercelos na sanidade pública. “Cal é, entón, o modelo que pretende instaurar o PP, volver ao discurso rancio de hai 30 ou 40 anos e que as mulleres teñan que practicar abortos inseguros ou irse fóra do Estado para facelo con garantías?”.

 

Desde a nosa organización consideramos que o modelo ten que ser o de evitar na medida do posíbel que as mulleres teñan que verse nas situación de decidir, mais para iso “é indispensábel unha política de prevención que os populares non defenden, senón máis ben todo o contrario, están a desmantelar”, expresou Ana Pontón. Exemplo disto é o recente anuncio de desaparición dos centros Quérote, algo que consideramos un grave erro pois os dados demostran que mentres no Estado se incrementaba o número de abortos en Galiza, no período 2005-2008, durante o anterior goberno e grazas ao papel exercido polos centros Quérote de prevención de embarazos non desexados, as cifras diminuían, tanto en números absolutos como en taxas de aborto, pasando do 4,43 por cento ao 3, 53 e en todos os grupos de idade.