Benvidos á paxina web de Galiza Nova

Se non acudiches ao día da Galiza Mártir, visita a nosa crónica

Nova: Se non acudiches ao día da Galiza Mártir, visita a nosa crónica
20/08/2010

O pasado martes, celebrouse o día da Galiza Mártir, e como cada ano, tanto Poio como Pontevedra, acollen os actos principais por ser Alexandre Bóveda o símbolo de todas e todos os mártires galegos. Xa de mañá a nosa organización estivo presente no acto organizado polo Concello celebrado na Caeira en Poio, no lugar onde apareceu o corpo sen vida de Alexandre e onde hai levantado un monumento. Palabras sentidas de Amalia e Xosé Luís, fillos de Alexandre, e do Alcalde de Poio para facer vibrar as consciencias de todos os asistentes. Despois Galiza Nova participou do Xantar celebrado no Pazo da Cultura para entregar o V premio da Memoria Histórica ás mocidades artífices da intensa campaña para a aprobación do Estatuto de Galiza de 1936 e que despois de ser plebiscitado vería truncado o seu camiño de aprobación nas Cortes do Estado pola sublevación franquista. As e os militantes e simpatizantes da nosa organización que asistiron ao acto puideron escoitar a intervención de Xoán Carlos Garrido, pola Fundación Alexandre Bóveda, e os homenaxeados Avelino Pousa Antelo e Isaac Díaz Pardo e os representantes das fundacións de Francisco Del Riego e Xaime Illa Couto, que por motivos de saúde non puideron asistir. Ao remate a Secretaria Xeral de Galiza Nova, Iria Aboi Ferradás, tomou a palabra reivindicando “a memoria histórica de Galiza” e destacou a importancia do premio “a unha xeración de mozas e mozos que traballaron para que Galiza comezase a ter recoñecidos os seus dereitos políticos”. Así mesmo, destacou o traballo de Galiza Nova “como continuadora orgullosa do traballo para conseguir a soberanía da nación galega”. Xa pola tarde despois da misa e do acto no cemiterio onde está soterrado Alexandre Bóveda, desplazámonos ao acto político na Praza de Curros onde está situado o seu busto que contou coas intervencións de Iria Aboi e Miguel Anxo Fernandez Lóres, alcalde de Pontevedra. Uns pinchos deron o final dunha intensa xornada, que nos serviu para enchernos de lembranza, compromiso e futuro. Consulta a galería de imaxes.