
Desde Galiza Nova anunciamos hoxe a nosa rotunda oposición a que unha rúa da cidade de Compostela poida levar o nome de Manuel Fraga. Neste sentido, a Secretaria Xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, explicou que Conde Roa incluiu esta cuestión de “xeito urxente” na orde do día do pleno de mañá xoves 29, algo que, tal e como expresou Iria Aboi, é “unha provocación, un insulto e un disparate”.
Desde a nosa organización afirmamos que “é evidente que Manuel Fraga non conta co apoio dunha boa parte da cidadanía para merecer o recoñecemento social que se outorga a quen se lle adica unha rúa”. Para Iria Aboi, “a avaliación da xestión do Sr Fraga durante os anos nos que ocupou a Presidencia da Xunta, é claramente negativa para Galiza”. E engadiu que “aínda é peor se temos en conta que o Sr Fraga Iribarne participou de decisións claramente antidemocráticas na súa función como Ministro de Información e Turismo no goberno fascista de Franco”.
Na mesma liña, remarcou, entre outros episodios o seu papel principal na dirección do aparato de censura pola que se condenou, entre outros, a Alberto Míguez pola publicación da antoloxía bilingüe El pensamiento político de Castelao. Iria Aboi subliñou que “sería un escándalo que no ano no que se cumpre o 125 aniversario do nacemento de Castelao se fixese tal barbaridade”.
Estas son as razóns pola que desde Galiza Nova realizamos un chamamento aos veciños e veciñas de Compostela para que asistan ao Pleno municipal que se celebrará mañá xoves 29 de setembro ás 18:30 da tarde, e conminamos a todas e todos a facer unha expresión de protesta pacífica “levando un folio no que se poida ler Rúa Fraga Non”.
Así, convidamos a toda a veciñanza compostelana a demandarlle ao PP que retire esta proposta e que “a nomenclatura das rúas de Compostela, como as de toda Galiza, sexan respectuosas cos dereitos humanos e polo tanto contribúan a homenaxear a aquelas/es que defenderon os valores da democracia, a igualdade e os dereitos de Galiza”, expresou Iria Aboi.