
Galiza Nova presentou, este venres 16 en rolda de prensa, a campaña para a folga xeral convocada o 29 de marzo contra a reforma laboral. A Secretaria Xeral, Iria Aboi, fixo un chamamento a todas as mozas e mozos galegos -parados, traballadores e estudantes- a mobilizarse para frear esta reforma laboral que convirte á mocidade "en kleenex laborais" e que nos devolve “ao escravismo de forma encuberta"
Iria Aboi afirmou que trala reforma laboral do PP “non hai ningunha pretensión de favorecer a contratación da mocidade” senón que pretende “que os mozos e mozas sigan a ser man de obra barata condenándonos á emigración e á precariedade". Como demostración disto, Iria Aboi criticou que as empresas reciban bonificacións por firmar un contrato indefinido cun período de proba dun ano no que poden despedir ao traballador ou traballadora sen causa e de forma gratuíta". Así mesmo tamén destacou o alongamento dos contratos en formación que posibilitará que “os mozos e mozas sexamos aprendices até os 33 anos con salarios de 480 euros”.
Así mesmo, a Secretaria Xeral de Galiza Nova, sinalou que en Galiza "un de cada tres menores de 30 anos esta no paro, a pesares de ter estudos universitarios”. Polo tanto advertiu que as medidas do goberno de Mariano Rajoy agravarán esta situación. Segundo Iria Aboi “en Galiza o desemprego ten cara de mozo/a, debido aos 72.200 parados menores de 30 anos”. Destacou ademais que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, é un dos principais responsábeis políticos desta situación por non propor "ningunha medida específica" para loitar contra o desemprego xuvenil. Desta forma condenase á mocidade mellor formada do nos País a seguir emigrando por non ter saídas laborais que garantan o seu futuro en Galiza
Iria Aboi concluíu que "estamos nun punto de non retorno no que, ou os freamos, ou os mozos e mozas terán moi difícil ter un proxecto de vida estábel cun emprego digno e de calidade". Polo tanto animou á mocidade galega a “saír á rúa e dicir non a esta reforma” pois é necesaria “unha mocidade activa, contestataria, valente e que loite polos seus dereitos". Nese sentido anunciou que Galiza Nova desenvolverá unha intensa campaña tanto entre a mocidade traballadora e desempregada como nos campus universitarios e nos centros de ensino secundario sobre os efectos da folga, a través da convocatoria dunha Folga Estudantil.