Benvidos á paxina web de Galiza Nova

Até sempre, Comandante! Galiza Nova amosa o seu pesar polo falecemento de Hugo Chávez.

Nova: Até sempre, Comandante! Galiza Nova amosa o seu pesar polo falecemento de Hugo Chávez.
06/03/2013

Desde Galiza Nova amosamos o noso pesar polo falecemento do presidente da República Bolivariana de Venezuela, Hugo Chávez Frías. A organización xuvenil do BNG súmase ás mostras de apoio e solidariedade internacionais que logo de se coñecer a morte do líder bolivariano se están a suceder co pobo de Venezuela.

 

Desde a Galiza, non podemos senón lembrarmos a figura de Hugo Chávez na súa loita polo dereito de autodeterminación dos pobos e pola construción desde unha perspectiva anti-imperialista dunha sociedade xusta e igualitaria dentro e fóra das fronteiras venezolanas. Malia as innumerábeis campañas de propaganda que acompañaron a Chávez desde a súa primeira vitoria electoral en 1998, e dos múltiples intentos de desestabilización política e militar do país como o golpe de estado cometido en 2002 coa implicación dos Estados Unidos e de España, o pobo venezolano apoiou política, social e electoralmente a revolución bolivariana desde os seus inicios, apostando pola construción dun modelo propio, nunha Venezuela soberana.

 

Neste senso, desde Galiza Nova queremos salientar as importantes contribucións do proxecto encetado polo líder bolivariano na mellora das condicións de vida e de futuro para clases populares venezolanas, que son alicerces fundamentais do proceso revolucionario en Venezuela. De seguro que as transformacións iniciadas pola revolución bolivariana seguiran, e co exemplo do seu presidente, o pobo venezolano continuará a avanzanzar cara á construción dunha Venezuela xusta e soberana.

 

Até a vitoria sempre, Comandante Chávez!