O luns 29 de xuño preto de 2600 traballadoras e traballadores do sector do metal iniciaban unha “peregrinaxe” dende Pontevedra até Compostela enmarcada na súa loita, que xa suma 20 xornadas de folga, a prol dun convenio digno. Galiza Nova acudiu ás inmediacións de San Caetano para recibir ás persoas que participaron da marcha e amosar unha vez máis o noso apoio as súas reivindicacións. Un dos obxectivos desta medida era esixir á Xunta de Galiza, claramente posicionada coa patronal, que se implicara dun xeito máis activo no conflito. Mais a única resposta que obtiveron as e os concentrados diante da Xunta foi o o masivo despregue dos antidisturbios que rodeaba o edificio. Así mesmo esta semana as e os traballadores decidirán ante a perspectiva de que o conflito se prolongue no tempo, pola intransixencia da patronal, se cambian a folga indefinida por paros intermitentes ou outras medidas nas que as empresas estean obrigadas a pagar parte dos salarios. Dende Galiza Nova tamén queremos destacar a activa implicación e o importante papel que esta a desenvover no proceso a mocidade que traballa neste sector e todo o noso apoio.
Galiza Nova amosou públicamente o seu rexeitamento á moción de censura contra do goberno municipal do Concello de Gondomar, presidido polo nacionalista Antón Arauxo. Dende a nosa organización queremos deixar de manifesto que esta medida contra o BNG, impulsada polo PP, PSOE e Move Gondomar é un claro atropelo antidemocrático, sen que exista ningún argumento sólido que a xustifique. Así mesmo esta moción asinada por un condeado por prevaricación ten como obxectivo situar novamente ao PP na alcaldía e recuperar o anterior PXOM da corrupción urbanística. Galiza Nova tamén quere facer un chamamento á xente de Gondomar e especialmente á mocidade para que amose o seu apoio ao BNG que dende a súa chegada ao goberno municipal sempre traballou a prol das necesidades da localidade.
Galiza Nova denuncia a política prohibicionista do PP en relación a Lei de Drogas
Ante o anuncio da Conselleira de Sanidade de elevar a idade legal para o consumo de alcohol e restrinxir o consumo en vía pública, Galiza Nova ofreceu unha rolda de prensa para amosar públicamente o seu rexeitamento ás medidas propostas por Pilar Farjas. Neste sentido a Secretaria Xeral da nosa organización manifestou que “se trataría dunha reforma que rescata as receitas máis rancias, como a lei do botellón impulsada por Aznar hai anos no goberno central. A prohibición non foi a solución daquela e tampouco vai axudar agora”. Así mesmo, Iria Aboi denunciou o feito de que dende o PP se adopten este tipo de medidas sen facer, pola contra, ningún tipo de proposta alternativa de lecer para a mocidade e mesmo eliminando algunhas creadas polo BNG como o xogo de rol “Irmandiños, a revolta”. Premendo en ler máis podes ler a nota completa.
Galiza Nova participou na localidade de Sarria nunha concentración e distribuiu diverso material para denunciar as touradas previstas con motivo das festas da localidade. A nosa organización quixo poñer de relevo o feito de que a celebración dun acto coma este contribúe a fomentar valores reaccionarios e violentos na sociedade e sobre todo entre a mocidade, moito máis vulnerábel a este tipo de mensaxes, e a fomentar actividades importadas doutros territorios que son alleas á tradición e cultura galegas. Así mesmo dende Galiza Nova tamén manifestamos a nosa reprobación ao grupo de goberno do PSOE, pois no tempo transcurrido de lexislatura non puxeron en marcha ningunha iniciativa anual ou transversal de lecer para a poboación de Sarria e especialmente para a mocidade. Mais pola contra amparan unha actividade destas características cando alardean de ser unha forza política que defende valores progresistas e igualitarios. Foron varias as persoas,e concretamente mozas e mozos, que se sumaron a este acto reivindicativo e esixiron o cese deste tipo de “espectáculos” así como a posta en marcha dunha oferta de lecer que aposte pola cultura galega e a educación en valores que nada teñan que ver coa tortura e a crueldade cos animais.
Dende a súa fundación hai xa máis de vinte anos, Galiza Nova sempre denunciou e actuou para eliminar ás discriminacións que padecen moitas mozas e mozos do noso país pola súa orientación ou identidade sexual e de xénero. O 28 de xuño ten lugar o día do orgullo LGTB e a nosa organización quere poñer de relevo o feito, de que dende o goberno da Xunta, en concordancia co rexeitamento do PP no Congreso dos deputados á unha declaración institucional con esta temática, non se impulsara a celebración desta data, como si se fixo cando estaba o BNG no goberno galego. É fundamental que as institucións públicas, así como os medios de comunicación, contribúan a evidenciar esta problemática para poder seguir avanzando na superación e eliminación dos moitos prexuízos existentes. A pesar de que nos últimos tempos foron significativos os avances rexistrados no recoñecemento de dereitos ao colectivo LGTB aínda fica moito camiño por percorrer para acadar a igualdede. Nese sentido dende Galiza Nova continuaremos traballando e colaborando para que as persoas gais, lesbianas, transexuais e bisexuais especialmente as e os máis novos deixen de sufrir situacións de discriminación e sexan tratadas con respecto.
O goberno local do PP veta a participación de Galiza Nova nas Feira Medieval de Betanzos
A organización xuvenil Galiza Nova acusou ao goberno local de vetarlle a participación na Feira Franca Medieval por motivos políticos. O colectivo xuvenil nacionalista solicitara autorización para participar na Feira Franca Medieval colaborando nas escenas teatrais e cun posto, en igualdade con moitas outras entidades betanceiras, o pasado 6 de maio. A alcaldesa remitiu unha carta denegando a participación da entidade xuvenil nacionalista o pasado 2 de xuño alegando “que a concesión de postos de venda na Feira Franca Medieval está especialmente orientada a profesionais e asociacións culturais e deportivas de carácter local” e que Galiza Nova non é unha entidade local. As mocidades nacionalistas ven unha contradición entre os chamamentos á participación que fai o goberno local e a súa exclusión sen motivos “Se cadra a Faraldo non lle gustou enterarse por Galiza Nova das demandas da mocidade betanceira, como no caso da biblioteca, e agora pretende silenciarnos con este tipo de argucias”.
Galiza Nova apoiou hoxe a convocatoria feita polas tres centrais sindicais de Galiza, diante do Parlamento Galego a partir das 9:30 da mañá. Esta convocatoria que tamén apoiou a Mesa e o BNG, vén enmarcada dentro das mobilizacións de resposta en contra dos ataques do PP na Xunta de Galiza ao galego. Hoxe o Parlamento galego vai aprobar a reforma da Lei da Función Pública, unicamente cos votos a favor do Partido Popular, que permitirá facer as oposicións á Xunta sen ter que facer nin un exame en galego. Galiza será o primeiro territorio do Estado que seleccionará funcionarios sen que teñan que acreditar ningún tipo de competencia na lingua propia de Galiza. Tal e como berraron as e os asistentes “pola nosa lingua nin un paso atrás” e dende Galiza Nova apoiaremos estas iniciativas para que non se produzan retrocesos na mínima lexislación existente en defensa da normalización do noso idioma.
Galiza Nova asistirá á clausura do V Congreso da CIG.
O próximo día 20 e 21 de xuño celebrarase no Pazo de Congresos de Galiza o V Congreso da Confederación Intersindical Galega (CIG) baixo o lema “O sindicato que avanza canda ti. Sindicalismo nacionalista e de clase”. Un total de 608 delegados estarán presentes nesta cita congresual que terá a súa sesión de clausura o domingo 21 ás 18:30 da tarde, á que Galiza Nova asistirá como organización convidada. Agardamos que os debates e as resolucións deste congreso contribúan a fortalecer o sindicalismo nacionalista e a convertelo na primeira organización sindical de Galiza para defender os dereitos da clase traballadora e da nación galega no seu conxunto.
Galiza Nova contra a estructura territorial da Xunta creada polo PP.
O próximo venres 19 a partir das 20:30 da tarde haberá unha manifestación cidadá que percorrerá as rúas de Pontevedra. Galiza Nova manifesta a súa oposición ao novo deseño da administración periférica da Xunta impulsado polo Partido Popular a través da figura dos “superdelegados”. Esta medida, criticada polo BNG, suporá a creación dunha estructura administrativa ao servizo dos intereses do Partido Popular e non en beneficio dunha mellor atención da cidadanía ou da adecuación desa estructura á realidade territorial da nosa nación. Esta nova fórmula do PP persigue os vellos obxectivos de sempre: do caciquismo, da utilización do goberno ao servizo do partido, así como de faborecer a súa carreira polos gobernos das cidades galegas de cara ás vindeiras eleccións municipais. No caso da cidade de Pontevedra a situación ten unha agravante ao establecer unha “superdelegación” en Vigo, con claros intereses electorais, e ao introducir, entre outras consecuencias políticas, distorsións na aplicación de políticas en concellos vinculados ás dúas áreas territoriais. Por parte da nosa organización seguiremos a defender un modelo contrario ás deputación provinciais e ao modelo dos superdelegados, impulsado polo Partido Popular, en favor dun modelo adecuado á realidade da nosa nación como sempre defendeu o nacionalismo.
Galiza Nova convidada ao II Seminario Internacional pola Abolición da Tauromaquia.
Os próximos días 19 e 20 de xuño no pazo de exposicións Kiosko Alfonso, nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña, celebrarase o II Seminario Internacional pola abolición da Tauromaquia. Galiza Nova que sempre se manifestou contraria á celebración de touradas en Galiza ademais de pola barbaridade que supón, tamén pola súa clara vinculación co proxecto de colonización cultural español no noso país, foi convidada á participación na mesa redonda onde as organizacións xuvenís políticas puideran amosar a súa opinión. Ante a nula vontade de participar tanto de Novas Xeracións como de Xuventudes Socialistas, e tamén das súas forzas políticas na mesa redonda específica para organizacións políticas, os organizadores: Galiza mellor sen touradas e Cas-Internacional víronse na obriga de facer só un debate. Para todas e todos os que vos poidades achegar esta é unha boa ocasión para amosar a nosa oposición á mal chamada “festa nacional”.